Friday 29 de March de 2024

Cine ao aire libre e unha xeorruta, propostas de lecer en San Sadurniño para venres e sábado


O cine e o descubrimento da espectacular xeoloxía da nosa zona ocupan o programa de lecer do Concello para esta fin de semana. A primeira cita é o venres ás 22:00h na cancha multixogos dos xardíns municipais, onde se proxectará o filme “A casa da luz”, inspirada nun texto de Xabier P. Docampo. A segunda proposta é a Xeorruta das Pías que conducirá o doutor Francisco Canosa o sábado a partir das 16:30h con inicio no castelo de Naraío e paradas na fervenza do Castro e no cordal de Racamonde. O cine é con entrada libre, mentres que a ruta xeolóxica require reserva a través desta ligazón e o pagamento en liña dunha cota de 9€, incluído o seguro.

“A casa da luz”, é unha película dirixida por Carlos Amil e interpretada, entre outros, polo desaparecido Xosé Manuel Oliveira “Pico” e Miguel de Lira. Trátase dunha historia de aventuras protagonizada por un grupo de nenas e nenos durante as súas vacacións. O guión naceu da novela do mesmo nome estrita por Xabier P. Docampo. Máis ben ao revés, xa que Docampo e o produtor Xosé Xoán Cabanas empezaron en 2000 a darlle forma a unha idea audiovisual que tardaría case dez anos en facerse realidade e, no medio, foi cando o escritor publicou a novela en Xerais.

En calquera caso, “A casa da luz” é un filme para todos os públicos que seguramente lle gustará máis á rapazada dos 8 ou 9 anos en diante, posto que esa é a idade da panda protagonista e tamén para quen escribía o mestre Xabier P. Docampo (1946-2018), un dos grandes autores da literatura galega infantil e xuvenil.

Para asistir á proxección non fai falla anotarse, pero si é moi recomendable levar roupa de abrigo por se o Nordés se empeña en refrescar a noite.

Penúltima oportunidade de facer a Xeorruta das Pías
A proposta do sábado -16:30h- é o itinerario para descubrir as especificidades da paisaxe no punto onde se xunta o grande bloque granítico do Forgoselo co val estrutural do río Castro, que discorre polo fondo dunha grande fractura xeolóxica.

Na primeira metade da tarde veranse as distintas fases da formación dos bolos graníticos -grandes rochas que aparecen na paisaxe, ás veces unhas dacabalo doutras- e tamén das pías, que son curiosos buratos resultado da erosión, nuns casos polo de desbaste producido por pequenas rochas cautivas en ocos, como ocorre na zona de Riolimpo, e noutros pola acción físico-química da auga da chuvia, algo que se verá claramente nas penas de Racamonde na segunda parte do traxecto.

A andaina é de dificultade media-baixa, apta para calquera idade e moi indicada para facela na compaña de rapazada polo seu contido didáctico. De guiala encargarase Francisco Canosa, quen ademais ofrecerá unha visión das orixes xeolóxicas da zona en relación con outros puntos do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Os desprazamentos entre o lugar do Castelo e Riolimpo faranse a pé e logo collerase o coche para subir ata Racamonde, parte final da ruta que tamén se fará camiñando para apreciar mellor as curiosidades xeomorfolóxicas da zona.

Para esta xeorruta ofertáronse 20 prazas. No momento de preparar esta información ían cubertas case a metade. A reserva hai que facela obrigatoriamente en liña a través desta ligazón e cun prezo por persoa de 9€, reembolsables ata véspera se non se pode asistir por calquera razón. A seguinte e última oportunidade de percorrela tendo a Canosa como guía científico será o próximo 31 de agosto.

Durante esta semana temos estoutros itinerarios polo territorio do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal:

Martes 2 de agosto, 10:00 a 16:00h: Xeorruta do Granate (Concello de Cedeira). Máximo 15 prazas.
Mércores 3 de agosto, 10:00 a 14:00h.: Xeorruta dos Volcáns (Concello de Ortigueira). Máximo 20 prazas.
Mércores 3 de agosto, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Limo (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas.
Xoves 4 de agosto, 10:00h a 14:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). Máximo 15 prazas (completas). Esta ruta xeolóxica é unha das estrelas do proxecto pola súa exclusividade e, de feito, para esta data xa non hai prazas dispoñibles. Con todo, aconsellamos consultar a central de reservas entre hoxe e o mércores por se fose o caso de que houbese algunha cancelación.
Sábado 6 de agosto, 10:00 a 12:00 e 12:10 a 14:10h: Xeorruta de Mina Piquito (Concello de Moeche). Só 1 praza dispoñible para a primeira quenda.
Sábado 6 de agosto, 16:30 a 20:30h: Xeorruta das Pías (Concello de San Sadurniño). Máximo 20 prazas.
Domingo 7 de agosto, 10:00 a 14:00h: Xeorruta do Cromo (Concello de Cedeira). Máximo 20 prazas.
Domingo 7 de agosto, 16:30 a 20:30h: Xeorruta dos Aguillóns (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas.